Co financiamento de:
/ Portada / PRL Sectorial

Galiza deseñará unha campaña contra accidentes dos profesionais de veterinaria en granxas

29-10-2021 - SAÚDE LABORAL

Incidirase nas granxas máis pequenas e de carácter familiar, para que conten con recursos e formación sobre como apoiar aos veterinarios/as na inmobilización do gando pesado e sobre como mellorar as súas estruturas para facilitar estas tarefas. Trátase de sensibilizar, en definitiva, aos propietarios/as na mellora das condicións laborais dos traballadores/as propios e externos. O material elaborado distribuirase entre as granxas e, de maneira directa, entre os propios profesionais de veterinaria.

O pasado mes de xuño a profesión veterinaria foi testemuña dun novo accidente nun saneamento gandeiro na provincia de Lugo, que supuxo o terceiro en pouco máis dun ano. Naquel caso unha veterinaria resultou ferida, pero hai que lembrar que un dos accidentes anteriores acabou en traxedia, cobrándose a vida de Jesús Deiros.

Este novo accidente provocou a indignación da profesión e do Colexio de Veterinarios de Lugo, cuxo presidente, José Luis Benedito, denunciou en declaracións para Animal’s Health a precaria situación dos profesionais en saneamentos.

Así mesmo, recentemente, a Organización Colexial Veterinaria (OCV) e o Colexio de Lugo mantiveron unha reunión na que pediron á Administración “máis implicación” tras os accidentes nas granxas.

Agora, tras a mobilización do sector veterinario, o ISSGA anunciou que está a deseñar unha campaña que activará este outono, para reforzar a prevención de riscos laborais entre o persoal veterinario das pequenas explotacións gandeiras.             

“O colectivo de veterinarios sitúase como un dos grupos de profesionais nos que se está centrando o traballo do equipo técnico de sinistralidade laboral, dependente do ISSGA, para mellorar a seguridade e a prevención no desenvolvemento das súas tarefas”, sinalaron dende o Instituto nun comunicado.

Ademais, destacaron que no momento actual a Xunta traballa na detección dos principais riscos e no deseño dunha campaña informativa que permita incrementar a prevención e minimizar os riscos no traballo desenvolvido polo persoal veterinario vinculado coas explotacións gandeiras da comunidade.

A campaña, en cuxa distribución colaborará a Consellería do Medio Rural, tratará de abordar algúns dos aspectos que maior preocupación supoñen para este grupo profesional, como o manexo do gando en pequenas explotacións. O material elaborado distribuirase entre as granxas e, de maneira directa, entre os propios profesionais de veterinaria.

O ISSGA colabora coa Consellería do Medio Rural e cos axentes sociais que trasladan as necesidades destes profesionais. O Instituto ofrécese a manter un marco futuro de colaboración cos colexios de veterinarios para coñecer as súas necesidades e poder perfilar medidas que lles resulten útiles cara á prevención de riscos nos centros de traballo.

Fonte: animalshealth.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS