Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Tensión laboral, fatiga, trastornos do sono e aumento do risco cardiovascular

05-11-2021 - SAÚDE LABORAL

Segundo un novo estudo presentado na Conferencia da Organización Europea do Ictus (ESO) a tensión laboral, os trastornos do soño e a fatiga, considerados factores de risco non tradicionais de infarto de miocardio e ictus, aumentan máis entre as mulleres que entre os homes.

Os investigadores compararon os datos de 22.000 homes e mulleres da Enquisa de Saúde de Suíza de 2007, 2012 e 2017, e descubriron un aumento «alarmante» do número de mulleres que declaran os factores de risco non tradicionais das enfermidades cardiovasculares. A tendencia coincidiu cun aumento do número de mulleres que traballan a tempo completo, do 38% en 2007 ao 44% en 2017.

En xeral, en ambos os sexos, o número de persoas que declaran tensións no traballo aumentou do 59% en 2012 ao 66% en 2017, e os que declaran sentirse cansos e fatigados aumentaron do 23% ao 29% (ao 33% nas mulleres e ao 26% nos homes). No mesmo período, o número de persoas que declaran sufrir trastornos do soño subiu do 24% ao 29%, e os trastornos do soño graves tamén aumentaron de forma máis acusada nas mulleres (8%) que nos homes (5%).

Con todo, a investigación tamén descubriu que os factores de risco tradicionais para desenvolver enfermidades cardiovasculares mantivéronse estables no mesmo período de tempo, cun 27% de hipertensos, un 18% de colesterol elevado e un 5% de diabéticos. A obesidade aumentou ata o 11% e o tabaquismo reduciuse de aproximadamente 10,5 a 9,5 cigarros ao día, pero ambos eran máis frecuentes nos homes.

Os autores do estudo, o doutor Martin Hänsel, neurólogo do Hospital Universitario de Zúric, e a doutora Susanne Wegener, catedrática de neuroloxía da Universidade de Zúric (Suíza), destacan que o seu estudo «revelou que os homes eran máis propensos a fumar e a ser obesos que as mulleres, pero as mulleres informaron dun maior aumento dos factores de risco non tradicionais dos infartos de miocardio e os accidentes cerebrovasculares, como a tensión laboral, os trastornos do soño e a sensación de cansazo e fatiga».

Os autores destacan que acharon «un aumento xeral dos factores de risco non tradicionais en ambos os sexos, pero estes foron máis pronunciados nas participantes femininas, mentres que a maioría dos factores de risco cardiovascular tradicionais permaneceron estables. Estes resultados subliñan o feito de que existen diferenzas entre os sexos no que respecta a os factores de risco de ECV non tradicionais, cunha tendencia alarmante cara a un aumento particular nas mulleres», advirten.

A doutora Wegener sinala que a diabetes, a hipertensión arterial, o aumento do colesterol, o tabaquismo, a obesidade e a inactividade física son factores de risco modificables recoñecidos para as enfermidades cardiovasculares, pero recentemente observouse que os factores de risco non tradicionais, como as presións laborais e os problemas de soño, poden aumentar considerablemente o risco cardiovascular.

Fonte: Auladelafarmacia

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS