Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Sanción de 180.000 euros á empresa química IQOXE pola explosión de 2020

12-07-2021 - ITC -Inspección de Traballo de Cataluña-

A Inspección de Traballo de Cataluña (ITC), dependente da Generalitat, sancionou con 180.000 euros por unha infracción moi grave á empresa química IQOXE pola explosión que causou a morte de tres persoas en Tarragona en xaneiro de 2020. Trátase da sanción máis alta que prevé a lexislación en materia de infracción das medidas de seguridade e prevención de riscos laborais, e a compañía xa anunciou que presentará alegacións ante a mesma.

A investigación da Inspección de Traballo de Cataluña determina a responsabilidade da empresa nos feitos ocorridos na planta da Canonja (Tarragona) e constata a gravidade da infracción «polos diversos incumprimentos preventivos de seguridade e saúde laboral» durante o proceso de produción dunha substancia química, coñecida como MPEG 500.

Este accidente laboral produciuse o 14 de xaneiro de 2020 como consecuencia da explosión dun reactor da factoría, dedicada á produción de óxido de etileno e outros derivados, que causou a morte de tres persoas (dous traballadores da planta e un veciño de Tarragona) e feridas a outras catro.

A Inspección de Traballo de Cataluña informou este venres de que a proposta de sanción, baseada na gravidade da infracción, é o resultado dunha «exhaustiva» investigación e unha «complexa» análise de documentación.

A ITC lembrou, así mesmo, que previamente xa tramitara unha acta de infracción por obstrución contra a empresa «polas continuas dilacións na entrega da documentación requirida pola Inspección e os obstáculos postos no curso das actuacións».

En paralelo á proposta de sanción, a ITC expuxo que IQOXE asuma unha recarga de prestacións á Seguridade Social das persoas afectadas polo accidente pola falta de medidas de seguridade e saúde laboral.

O secretario de Traballo do Departamento de Empresa e Traballo, Enric Vinaixa, subliñou que a Generalitat está en contacto coa Fiscalía e os xulgados de Tarragona, xa que a causa do accidente continúa aberta pola vía penal.

En declaracións aos xornalistas, Vinaixa apuntou que a información que ten a Inspección está en mans da Fiscalía «para que se decida se hai posibles delitos penais contra o dereito á seguridade e a saúde das persoas».

Fonte prevencionar. com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS