Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Ansiedade e acoso: cando o suicidio é un accidente laboral

02-10-2013 - PSICOSOCIAL

Varias sentenzas consideran que os suicidios de traballadores eran accidentes laborais. Son casos nos que está claro o vínculo entre o suceso e as condicións de traballo. Non obstante, a depresión e os trastornos de ansiedade nin sequera están incluídos na lista de enfermidades profesionais.

Edemiro traballou durante anos nunha empresa de transportes como condutor de autobús. En varias ocasións acudiu á consulta do seu médico por doenzas que, segundo os diagnósticos, estaban relacionadas co estrés laboral.

Dende que participou nunha folga na súa empresa, durante a cal foi detido, a compañía tomou medidas xudiciais contra el que, finalmente, quedaron en nada.

Si lle abriron un expediente disciplinario.

Dende entón, Edemiro presentou problemas de ansiedade e causou varias baixas por iso. Unha vez que volveu ao seu posto solicitou incorporarse á quenda de mañá, que lle foi denegado, e volveu causar baixa por ansiedade. Aos poucos días, suicidouse no seu domicilio. Tres anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA) considerou que o seu suicidio era un accidente laboral.

É un dos casos, aínda poucos, nos que a xustiza fallou que os suicidios dos traballadores estaban vinculados con situacións propiciadas polas empresas e eran, polo tanto, accidentes laborais. Este mesmo ano, o Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía.

As estatísticas non rexistran estes casos. Dos 471.223 accidentes laborais con baixa que se rexistraron en 2012, a estatística sinala que só 590 se produciron como consecuencia de danos psicolóxicos "debidos a agresión e ameazas". Ningún deles foi mortal e só cinco foron considerados graves.
A depresión e os trastornos de ansiedade non están nin sequera recollidas no listado de enfermidades profesionais que elabora a Seguridade Social.

Polo menos outras catro sentenzas dos últimos anos, en Cataluña, Madrid, Extremadura e País Vasco, consideraron que había unha relación causal entre os suicidios e a realización do traballo.

"Son casos moi extremos, é algo que se fai por propia vontade, ao contrario doutras cousas que poden suceder, como un golpe cunha máquina, e no que adoitan influír moitos factores. Por iso, a xustiza tende a ser restritiva na interpretación e os casos no que se o suicidio se considera accidente laboral son extraordinarios", explica Enrique Ceca, socio de Ceca Magán Abogados. O avogado sinala que para que estes casos poidan ser considerados accidentes de traballo non abonda con acreditar que a persoa afectada estaba suxeita a estrés no seu posto, senón que a empresa contribuíu a iso. "Moitas profesións están sometidas a estrés pero non por iso en todos os casos o empresario influíu niso directamente", matiza Ceca.

Os suicidios de France Télécom

O caso máis soado sucedeu en Francia: en dous anos suicidáronse máis de 30 empregados da empresa de telecomunicacións France Télécom. Unha vez que saltou a alarma saíron á luz prácticas empresariais abusivas, dende cambios repentinos e frecuentes de horarios, xornada e destino ata controis periódicos do rendemento e despedimentos masivos. Algúns traballadores deixaron notas de despedida nas que vinculaban directamente a súa situación desesperada coas súas condicións de traballo.

Posteriormente, un informe da inspección de traballo francesa denunciou prácticas propias do acoso laboral e vinculou os suicidios e os intentos de suicido a estas. A xustiza francesa imputou á empresa e ao seu expresidente Didier Lombard por acoso moral.

 

Fonte: eldiario.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS