Co financiamento de:
/ Portada / Datos estatísticos

Os accidentes laborais mortais dispáranse un 18,6% ata novembro, con 770 falecidos, segundo datos provisionais do Ministerio de Traballo e Economía Social

26-01-2023 - Sinistralidade

Un total de 770 traballadores/as faleceron en accidente laboral nos once primeiros meses do ano pasado, 121 máis que en igual período de 2021, o que implica un aumento do 18,6%, segundo datos provisionais do Ministerio de Traballo e Economía Social. A maior parte dos accidentes mortais prodúcense por infartos e derrames cerebrais, accidentes de tráfico, atrapamentos e amputacións, caídas e colisións contra obxectos en movemento.

Entre xaneiro e novembro de 2022 os accidentes con baixa laboral aumentaron un 10,8% en relación ao mesmo período de 2021, ata un total de 584.583 sinistros, dos que 511.940 producíronse no centro de traballo (un 11,6% máis) e 72.643 foron accidentes ‘in itínere’ (os que se producen no traxecto de casa ao traballo ou viceversa), cun avance interanual do 5,8%.

Os accidentes mortais en xornada de traballo incrementáronse ata novembro de 2022 un 19,4%, ao rexistrarse 634 falecidos, 103 máis que nos once primeiros meses de 2021, mentres que os sinistros ‘in itínere’ con resultado de morte subiron un 15,3%, ao pasar de 118 falecidos entre xaneiro e novembro de 2021 a 136 no mesmo período de 2022.

Os accidentes graves en xornada de traballo sumaron 3.533, un 3,2% máis que nos once primeiros meses de 2021, mentres que os sinistros ‘in itínere’ de carácter grave aumentaron un 5,7%, cun total de 836 accidentes.

Por sectores, destacan os repuntes dos accidentes en xornada de traballo nas actividades sanitarias e de servizos sociais, cun incremento do 53,2% entre xaneiro e novembro de 2022 en relación ao mesmo período de 2021.

Tamén aumentaron os sinistros laborais con baixa en xornada de traballo na hostalería (+38,8%) e nas industrias extractivas (+12,8%), e só o sector da agricultura e a gandería recortou o seu número de accidentes de traballo, cun descenso do 4,6% sobre o período xaneiro-novembro de 2021.

En valores absolutos, a industria manufactureira foi a actividade que rexistrou un maior número de accidentes con baixa en xornada laboral, cun total de 85.726 sinistros, un 5% máis que nos once primeiros meses de 2021. Séguelle a construción, con 75.976 accidentes (+4,2%), e as actividades sanitarias, que sumaron 65.561 sinistros (+53,2%).

A estatística de Traballo revela ademais que dos 770 traballadores/as que perderon a vida nun accidente laboral ata novembro do ano pasado, 694 eran asalariados (+19%) e 76, traballadores autónomos (+15,2%).

En total, os traballadores/as por conta propia sufriron entre xaneiro e novembro do ano pasado 32.372 accidentes laborais con baixa, un 1,9% máis que no mesmo período de 2021, cun aumento do 2% nos sinistros en xornada de traballo e un descenso do 0,4% nos ‘in itínere’.

Así mesmo, segundo os datos provisionais do Ministerio, nos once primeiros meses do ano pasado notificáronse 521.198 accidentes sen baixa laboral, un 0,6% menos que en igual período de 2021.

Ligazón ás  Estatísticas de accidentes de traballo (Avance xaneiro-novembro 2022) do Ministerio de Traballo e Economía Social

Fonte: prevención integral

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS