Co financiamento de:
/ Portada / Actuación preventiva

A Comisión Europea presentará unha iniciativa de saúde mental no traballo tras pandemia

05-07-2021 - COMISIÓN EUROPEA

A Comisión Europea (CE) presentará en 2022 unha iniciativa a nivel da Unión Europea sobre a saúde mental no traballo tras constatar que os problemas xa existentes empeoraron coa pandemia de COVID-19. A medida enmárcase na nova estratexia de seguridade e saúde no traballo para o próximos sete anos, pola que Bruxelas tamén revisará os límites de exposición a substancias nocivas como o amianto, os diisocianatos, o grafito e o cobalto, causantes de varias enfermidades.

O obxectivo da mesma é adaptar as normas europeas aos cambios laborais que traerán a transición dixital e ecolóxica, mellorar a prevención de enfermidades e accidentes, así como prepararse ante futuras crises.

Aínda que o número de accidentes mortais no traballo reduciuse un 70 % na UE entre 1994 e 2018, ese ano aínda se produciron 3.300 accidentes fatais e 3,1 millóns de accidentes non mortais, e cada ano máis de 200.000 persoas falecen como consecuencia de enfermidades relacionadas co traballo, lembrou a Comisión.

Na UE, xa antes da pandemia, 84 millóns de persoas sufrían problemas de saúde mental e a tensión contribuía á metade dos días de ausencia laboral. O custo destas enfermidades estimábase entón no 4 % do PIB do bloque (incluído o Reino Unido), uns 600.000 millóns de euros, segundo datos da Comisión.

E a COVID-19 empeorou a situación, con maiores niveis de depresión, ansiedade e tensión, sobre todo, entre os mozos/as e as persoas con baixos recursos, segundo a OCDE. Na UE, o nivel de saúde mental tocou mínimos en todos os grupos de idade, con case dous terzos das persoas entre 18 e 34 anos en risco de sufrir depresión, de acordo con Eurofound.

Para facer fronte á situación, a Comisión traballará con Estados e axentes sociais para elaborar antes de finais de 2022 unha iniciativa de saúde mental que, con todo, non terá carácter lexislativo e da que aínda non ofreceron detalles.

Bruxelas subliña, ademais, que coa pandemia o 40 % dos empregados/as pasou a teletraballar e tendencias ligadas a esta forma de actividade, como a conexión permanente, a falta de interacción social ou o maior uso de tecnoloxías, "aumentaron os riscos psicosociais e ergonómicos".

Por iso é polo que van revisar no 2023 as directivas sobre disposicións mínimas de seguridade e de saúde nos lugares de traballo e sobre traballo con equipos que inclúen pantallas.

Doutra banda, a Comisión tamén propoñerá "límites protectores" á exposición no traballo ao amianto, revisando a directiva sobre a materia en 2022; ao grafito e os diisocianatos, recollidos na directiva sobre axentes químicos (2022); e ao cobalto, actualizando en 2024 a directiva sobre carcinóxenos e mutáxenos.

O cancro é a principal causa de morte por enfermidades laborais, debido á exposición a carcinóxenos como o amianto (responsable do 85 % dos cancros de pulmón ligados ao emprego), mentres que os diisocianatos poden provocar enfermidades respiratorias e dermatolóxicas, en tanto que o grafito pode afectar as funcións reprodutivas.

A Comisión busca así reforzar tamén a prevención para eliminar enfermidades, accidentes e falecementos no traballo, unha tarefa na que colaborará cos axentes sociais e que, engade, aforrará diñeiro, posto que estes problemas custan cada ano o equivalente ao 3,3 % do PIB europeo.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS