Financiado por:
/ Portada / Actuación preventiva

A Unión Europea amplía a lista de substancias químicas canceríxenas no lugar de traballo con valor límite vinculante

07-02-2019 - COMISIÓN EUROPEA

O pasado 29 de xaneiro o Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión chegaron a un acordo provisional sobre a terceira proposta da Comisión de ampliar a lista de substancias químicas canceríxenas recoñecidas no lugar de traballo. Grazas a este acordo, a Directiva sobre axentes carcinóxenos ou mutáxenos regulará cinco substancias químicas canceríxenas adicionais: cadmio e os seus compostos inorgánicos; berilio e os seus compostos inorgánicos; ácido arsénico e os seus sales, así como os compostos inorgánicos de arsénico; formaldehido e 4,4'-metilenbis (2- cloranilina) (MOCA).

Segundo a comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidades e Mobilidade Laboral, “Este acordo garantirá, por exemplo, unha mellor protección dos traballadores/as nos sectores da fabricación de baterías de níquel-cadmio, a fundición de cinc e cobre, os laboratorios, a electrónica, os servizos funerarios e de embalsamamento, a construción, a sanidade, os plásticos e a reciclaxe. Ao mesmo tempo, unhas normas claras e sinxelas de saúde e seguridade para as cinco substancias químicas implicadas beneficiarán ás empresas no noso mercado interior. Púxose especial interese en axudar ás pequenas empresas e as microempresas a cumprir as novas normas.”

O acordo someterase á aprobación do Comité de Representantes Permanentes (Coreper) do Consello. Unha vez que os Representantes Permanentes dos Estados membros confirmen o acordo, este someterase á votación final no pleno do Parlamento Europeo.

Presentáronse tres fases de modificacións da Directiva 2004/37/CE, sobre axentes carcinóxenos ou mutáxenos, limitando a exposición a estas substancias. A finais de 2017, os colexisladores adoptaron a Directiva (UE) 2017/2398, primeira modificación da Directiva sobre axentes carcinóxenos ou mutáxenos. Unha segunda proposta publicouse en xaneiro de 2017 e foi acordada entre os colexisladores a finais de 2018. O acordo provisional alcanzado o 29 de xaneiro de 2019 constitúe unha das etapas finais na fase de negociación da terceira proposta, a partir do 5 de abril de 2018. A Directiva cobre actualmente vinte e sete substancias químicas canceríxenas.

Aínda que a maioría dos Estados membros estableceron límites nacionais de exposición a moitas substancias químicas canceríxenas, algúns Estados membros son menos estritos. Isto significa que os traballadores/as non gozan da mesma protección en todo o mercado único e que non existe igualdade de condicións para as empresas.

A noticia en Comisión Europea

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS