Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Un perito inglés cuestiona decisións das autoridades do estado español no caso Prestige

30-05-2013 - MEDIO AMBIENTE

O consultor marítimo internacional e ex-xefe de Garda-Costas do Reino Unido, John Astbury, cuestionou a decisión de afastar o "Prestige" da costa, ao non "reavaliar" a situación, e argumentou que trasladalo a un lugar de refuxio tería "salvado" o buque afundido en novembro de 2002 fronte ás costas galegas.

No xuízo que se segue pola catástrofe,Astbury cuestionou as ordes dadas polas autoridades do estado español un día despois do accidente (acontecido o 13 de novembro de 2002) e indicou que "non" se obtivo asesoramento técnico preciso "xa que, na súa opinión, non se dispuxo da suficiente información técnica para avaliar a situación do barco”.

"Só se tivo en conta unha opción: a aplicación inicial do plan", afirmou o perito británico, que considera que se tería que ter buscado "máis información" para poder reavaliar a decisión de afastalo pero, no caso do "Prestige" "isto non foi así", engade.

Na súa declaración, Astbury sinalou que, ademais da opción de afastar o buque, tamén se tería que ter considerado a posibilidade de buscar un refuxio. "Foron moi escasas as reunións e non se logrou información satisfactoria", sinalou o perito inglés, que cualificou como "apresurada" a decisión de afastar o barco da costa. Unha decisión que, ao seu xuízo, se tomou sen "reavaliar" a situación en función á nova información obtida.

Potenciais refuxios

Ao fío diso, defendeu a tese de abrigar o barco e sinalou que en Galicia habería 17 potenciais lugares de refuxio. Non obstante, as autoridades decidiron nas primeiras horas do sinistro afastar o barco da costa e dirixilo a "un rumbo contrario, cara ao mal mar" dixo.

Por outra parte, este perito cuestionou que o día 14 de novembro non se enviase ao barco un inspector para avaliar os danos do buque o que, ao seu xuízo, "permitiría tomar decisións engadidas" para "salvar o barco e evitar unha contaminación grave".

No seu informe sobre a xestión da crise entre o 13 e o 19 de novembro de 2002, o perito inglés considera que non se realizou "ningunha avaliación de risco" e que, en ningún momento, se "tivo en conta" o tipo de carga que transportaba o petroleiro e o impacto que provocaría.

Máis declaracións

O xuízo prosegue esta semana coa declaración de Stratos Kostazos, capitán do buque "Prestige" antes de que asumise o mando Apostolos Mangouras -un dos tres acusados pola catástrofe marítima-. Tamén declarará George Alevizos, antigo director técnico da frota de Universe Maritime, armadora do "Prestige".

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS