Financiado por:
/ Medio ambiente

Radón, o inimigo que se mete na casa

16-12-2014 - Saúde

O radón está relacionado co cancro de pulmón, até o punto de que é o principal factor de risco despois do tabaquismo, e o primeiro en nunca fumadores. Iso si, a moita distancia. Pero esta distancia non pode facernos relativizar a súa importancia, porque produce máis risco de cancro de pulmón que o tabaquismo pasivo. En Estados Unidos, as mortes por cancro de pulmón cuxo orixe se asocia ao radón residencial superan a todas as que producen os cancros de fígado e vías biliares. En Galicia as cifras non son menos preocupantes, entre o 3 e o 5 % das mortes por cancro de pulmón poden achacarse exclusivamente a este gas, e se se combinan co tabaco esta porcentaxe sobe ao 25 %. Hai ademais unha interacción entre radón residencial e tabaco, até o punto de que as posibilidades de que un fumador desenvolva cancro de pulmón elévanse até 73 veces, se na súa vivenda hai unha concentración de radón moi elevada.

O radón é un gas radioactivo, que ten unha vida media de 3,8 días. Algúns dos seus compoñentes, como son o polonio 214 ou o polonio 218, teñen unha vida media moi curta, cando respiramos se desintegran e impactan nas células do epitelio do pulmón, podendo chegar a producir cancro.

O substrato xeolóxico da comunidade galega provoca que haxa unha elevada presenza de radón, xa que procede da desintegración do uranio, e o granito é unha roca con alto contido en uranio. Pero cando se fala da relación entre granito e radón, hai que matizar que é completamente diferente unha casa asentada en zonas graníticas que outra feita de granito. A principal achega vén do subsolo, non do material de construción. É dicir, un edificio feito doutro material pode ter unha concentración elevada de radón se está nun subsolo rico en uranio, e unha casa de granito pode non telo. Os estudos realizados indican que, en xeral, o material de construción pode achegar, como moito, até un 15 ou 20 % da concentración total de radón nunha vivenda.

Quizais por ser unha zona de elevada presenza de radón, en Galiza realizáronse numerosos estudos sobre el. De feito, a Universidade de Santiago ten o seu propio Laboratorio de Radón de Galicia, que pertence ao grupo de investigación en epidemiología e saúde pública da USC.

 

Os investigadores deste grupo fixeron tamén un estudo sobre a posible incidencia do radón no desenvolvemento do cancro de esófago. Cando o Centro Nacional de Epidemioloxía elaborou un estudo sobre este tumor no ano 2007, os investigadores galegos observaron que municipios con maior mortalidade por este tumor tiñan elevadas concentracións de radón residencial. Iniciouse entón un estudo tratando de establecer unha relación entre os municipios con maior mortalidade e os que teñen mais concentración de radón. Os datos confirmaron esta relación, pero «non é un estudo a nivel individual, senón municipal. É dicir, podería existir unha relación, pero haberá que demostralo con estudos metodológicamente máis rigorosos que inclúan suxeitos individuais».
Aínda que non hai investigacións que conclúan se hai persoas cunha maior predisposición a sufrir cancro de pulmón pola presenza de radón, si se publicaron artigos que reflicten que podería haber unha influencia de causas xenéticas. «Outra das liñas de investigación que nos gustaría abordar -apunta o profesor da USC- é se as mulleres que se dedicaron tradicionalmente a ser amas de casa teñen unha maior incidencia de cancro pulmonar pola maior exposición a radón». Este traballo ten unha base lóxica xa que hai estudos que reflicten maior incidencia de cancro de pulmón en mulleres que nunca fumaron, por exemplo na provincia de Ourense. «É certo que nestes casos tamén pode influír a tipoloxía da vivenda, porque as casas con soto son máis proclives á presenza do radón; inflúe tamén a antigüidade; a altura, porque en teoría hai máis radón nun primeiro que nun quinto; ou mesmo o feito de que algunhas casas tradicionais teñan zonas de terra, onde o radón pode penetrar máis facilmente ao non existir ningún tipo de barreira».
Os científicos téñeno claro. As administracións non están a tomar as medidas necesarias para evitar a exposición ao radón. En Irlanda declarouse un problema de saúde pública e realizáronse miles de medicións para coñecer a concentración do gas de maneira detallada por zonas xeográficas. A partir de aí esixíronse unhas condicións técnicas nos novos edificios e nas zonas de elevada concentración de radón unha dobre protección. É segundo o profesor unha protección que nin sequera esixe un gran investimento en infraestruturas «un ferro de certo material no basamento do edifico sería suficiente, sempre que se coloque axeitadamente». Lamenta que no 2006, cando se fixo o novo código técnico de edificación, e a pesar das presións para que se incluíse o radón nestas condicións, non se tivo en conta. «Está a traballarse nun novo código e estase facendo presión, esperemos que se inclúa» E é que as medidas de eficiencia enerxética que incorporan agora os edificios poden elevar incluso a presenza do radón ao facelos máis estancos, segundo un estudo que publicou a revista médica British Medical Journal.
Fonte: lavozdegalicia.es
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS