Financiado por:
/ Medio ambiente

O mar subirá ata 0,80 metros en España polo cambio climático

26-11-2014 - CAMBIO CLIMÁTICO

Os efectos deste fenómeno abranguen todos os ámbitos do litoral, dende a actividade nos portos ata o sector turístico, a intensificación dos temporais ou a destrución de ecosistemas e a erosión

A finais deste século, o nivel do mar nas costas españolas terá aumentado entre 60 e 72 centímetros (algo máis de 80 centímetros en Canarias), sobre o nivel medio de 1986 a 2005, debido ao cambio climático, no peor dos escenarios posibles, é dicir, se non se fai nada por mitigar o quentamento do planeta.

Mesmo se se toman medidas eficaces para conter as emisións dos gases de efecto invernadoiro, a suba das augas nas costas será xa irremediablemente duns 40 centímetros (entre 30 e 60 centímetros). Son as conclusións da investigación Cambio climático na costa española, financiada polo Ministerio de Agricultura e realizado polos expertos do Instituto de Hidráulica ambiental de Cantabria, onde se inclúen os últimos datos sobre quentamento global. O informe, denominado C3E, especifica que a peor parte da suba das augas lla levarán os deltas do Ebro, Guadalquivir e Guadiana.

"O maior impacto debido ao cambio climático nas costas é a suba do nivel do mar, xunto ao aumento da temperatura da auga e a súa acidificación," resume o director da investigación. Pero os efectos deste fenómeno abranguen todos os ámbitos do litoral, dende a actividade nos portos ata o sector turístico, a intensificación dos temporais ou a destrución de ecosistemas e a erosión. En 2050, coa suba da auga considerada, e se non se toman medidas para atenuar os seus efectos, "o valor acumulado das perdas alcanzaría entre 500 e 4.000 millóns de euros, o que supoñería entre o 0,5% e o 3% do PIB anual segundo as provincias e escenarios", sinala o C3E.

Dentro do sector turístico, o costeiro é o máis importante en termos de xeración de renda, recorda o informe, "e a rexión mediterránea é o principal destino do mundo, representando un terzo dos ingresos totais do turismo". E o sector depende, en boa medida, do bo estado das costas e as augas. "A suba do nivel do mar produce un aumento na inundación e erosión das praias, que se traduce en perda e fragmentación de hábitats, fundamentalmente nas zonas sometidas a desenvolvementos urbanos que impiden a adaptación natural da praia", sinalan os investigadores.

Cara a 2050, para calquera dos escenarios considerados, gran parte das praias da costa española experimentarán retrocesos medios de 20 a 40 metros, afectando a un valor turístico de primeira orde.

Sobre a actividade portuaria o informe destaca que "os portos sufrirán alteracións nas súas condicións de operatividade". Mareas meteorolóxicas, ondadas e ventos produciranse "en todos os portos españois ou infraestruturas localizadas na costa (enerxía, transporte, abastecemento, saneamento, etcétera), requirindo medidas de adaptación durante as próximas décadas" engaden os investigadores.

A suba do mar, xunto cos cambios na ondada e os ventos, potencian tamén os efectos das galernas, como a que azoutou a cornixa cantábrica o pasado inverno. Os episodios extremos de inundación costeira por estes temporais serán máis frecuentes e máis intensos. Así, por exemplo, indica o informe, en Bilbao, "a cota de inundación de 3,85 metros pasará de acontecer unha vez cada 50 anos, por termo medio, a unha vez cada 15 anos en 2040".

En canto aos ecosistemas, unha mostra significativa é a perspectiva das pradarías de posidonia -"un dos ecosistemas máis sensibles do Mediterráneo", recalca o C3E- que terán diminuído, a mediados de século, ata un 10% da súa densidade actual.

"Temos que empezar a adaptación aos efectos do cambio climático xa", urxe o director da investigación. "Todos os escenarios analizados mostran que implementar medidas de adaptación é moito máis económico que os custos derivados de non facer nada".

 

Fonte: Compromisorse

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS