Co financiamento de:
/ Medio ambiente

Entra en vigor o Acordo de París contra o cambio climático

09-11-2016 - Cambio climático

Logo de tan só once meses dende a súa sinatura, o pasado día 4 de novembro entrou en vigor o Acordo de Paris, unha vez que 55 partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC) que sumen a lo menos o 55% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro depositaran neste órgano da ONU os instrumentos de ratificación, aceptación, aprobación ou adhesión ao tratado. Entre os que ratificaron o acordo figuran os maiores contaminantes, entre eles China, EE UU e India. Pendente está concretar as cotas de redución das emisións para aplicar a partir do ano 2020, e pendente está a dotación do fondo de 100.000 millóns de dólares para compensar aos países en desenvolvemento.

O Estado español non ratificou aínda o acordo, feito que terá lugar, segundo o Secretario de Estado para o Medio Ambiente, no 2017.

O obxectivo do Acordo de París é manter o incremento da temperatura media mundial  por baixo de 2ºC e o máis preto posible dos 1,5ºC.  A Unión Europea no seu conxunto comprometeuse a que as emisións no 2030 sexan un 40% inferiores ás de 1990. Hai que ter en consideración que a zona do Mediterráneo ten un quecemento maior que a media, así mentres que a temperatura media do planeta subiu en torno a  0,85ºC, na zona mediterránea o incremento sitúase en 1,3ºC; o actual ecosistema mediterráneo só poderá ser preservado se o incremento medio de temperatura non chega ao 1,5ºC; un estudo publicado pola revista Science indica que de manterse os niveis de emisións actuais, un terzo da península ibérica tería unha paisaxe tan árida como o deserto de Tabernas de Almería.

E mentres o conxunto da UE reduce as emisións, o Estado español está a incrementalas. Aínda que por mor da crise económica descenderon a partir de 2007, os datos de 2015 amosan un incremento dun 3,2%.


Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS