Financiado por:
/ Medio ambiente

Cada ano a UE elimina residuos reciclables por valor de 5.250 millóns de euros

09-04-2014 - RESIDUOS

Tal e como se sinala na Comunicación da CE, "Unha Europa que utilice eficazmente os recursos", cada ano a UE elimina residuos reciclables, como papel, vidro, plásticos, aluminio e aceiro, por valor de 5.250 millóns de euros. Se se reciclasen estes residuos evitaríase o equivalente a 148 millóns de toneladas de emisións de CO2 ao ano.

Ademais advirte que unha mellor xestión dos residuos municipais podería evitar a emisión de 92 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro no ano 2020, en comparación con 1995, e que se os países reciclasen o 70% dos seus residuos se crearían, polo menos, 500.000 novos empregos en Europa.

É un feito que nos últimos anos os residuos reciclables se converteron en esenciais para satisfacer a crecente demanda de materias primas derivada do proceso de industrialización de Oriente Medio e Asia e o xurdimento da clase media nestas rexións.

China empezou a importar residuos reciclables, como papel, plástico ou ferralla, de EUA, Europa e outros países desenvolvidos a partir da súa entrada na Organización Mundial do Comercio, en torno ao ano 2000. No caso concreto do Estado español e do papel recuperado, este feito produciuse no ano 2005, como consecuencia do aumento da taxa de recollida dos residuos papel e, polo tanto, dunha maior dispoñibilidade deste material no mercado.

O mercado da exportación a Asia, é un fluxo natural, dado que a Europa chegan embalaxes de cartón protexendo os bens de consumo que importamos dese continente. A devandita embalaxe, volve necesitarse na orixe, en Asia; de aí a demanda que este mercado exerce sobre occidente. Segundo o informe de Forest Trends, a industria recicladora China evita que 65 millóns de toneladas anuais de papel recuperado sexan eliminadas en vertedoiro en E.E.U.U., Xapón e Europa.

Hai que ter en conta que o envío destes materiais a China se realiza utilizando sistemas de loxística inversa e verde, que aproveitan os colectores marítimos de retorno. Deste xeito evítase que un elevado número de colectores de transporte regresen baleiros de Europa a China. Ademais, o transporte marítimo reduce o volume de emisións por quilómetro e tonelada transportada en máis dun 65%, en comparación co transporte por estrada.

Se se deixase de enviar este material a estes mercados internacionais, o excedente europeo de papel recuperado que en 2013 foi de 8,8 millóns de toneladas, tería como alternativas a valorización enerxética ou a eliminación en vertedoiro, o que incrementaría de forma considerable as emisións europeas de CO2.

Neste contexto, a demanda global de materias primas supuxo a transformación da industria europea da recuperación e o reciclado de residuos. O cambio tecnolóxico e a apertura a outros mercados, pasando de operar unicamente no mercado doméstico a competir nun mercado internacional que cada vez tende máis a unificarse, permitiu o desenvolvemento e o crecemento do sector na última década, a pesar do impacto que a crise financeira tivo sobre esta industria.

Polo tanto, a existencia dun mercado aberto e suxeito á autorregulación das economías de libre mercado de materiais reciclables impulsa as taxas de reciclado, garante a supervivencia dos sistemas de recuperación e reciclado e supón un incentivo para reciclar aínda máis de cara ao futuro, o que se traduce nun maior volume de papel recuperado e polo tanto reciclado. En termos de CO2, as 486.000 toneladas de papel recuperado que se exportaron en 2012 a China para o seu reciclado supuxeron un aforro de 438.000 toneladas de emisións de CO2 en vertedoiro ao ano en no Estado.

Así, o libre comercio de materiais reciclables non incrementa as emisións de CO2, xa que os beneficios ambientais globais do reciclado superan ás emisións asociadas ao transporte necesario, o que garante o máximo aproveitamento dos residuos como novos recursos, piar indispensable para a implantación de real do concepto de economía circular.

 

Fonte: REPACAR

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS