Financiado por:
/ Medio ambiente

COP21: a temperatura global debe manterse por baixo dos 2 graos centígrados.

15-12-2015 - MEDIO AMBIENTE

O acordo acadado na Conferencia das Partes (COP21), que se celebrou estes días en París, establece o compromiso para manter o aumento da temperatura media mundial por baixo de 2ºC con respecto aos niveis preindustriais, e proseguir os esforzos para limitar ese aumento da temperatura a 1,5 ºC. Os 195 países máis a UE propóñense tamén lograr reducir rapidamente as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os 195 países reunidos en París aprobaron este sábado un acordo final que se espera entre en vigor a comezos de 2016. Este é o primeiro acordo no que tanto nacións desenvolvidas como países en desenvolvemento comprométense a xestionar a transición cara a unha economía baixa en carbono. O texto deberá ser ratificado por 55 países que representen polo menos 55% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro.

Para lograr estes obxectivos, os países comprométense a fixar cada cinco anos os seus obxectivos nacionais para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. 186 dos 195 países participantes no cume xa o fixeron.

Cabe destacar como principais puntos do acordo que o aumento da temperatura global debe estar moi por baixo dos dous graos centígrados e que é xuridicamente vinculante para os países asinantes.

Tamén se fixan uns fondos próximos aos 100.000 millóns para os países en desenvolvemento a partir de 2020. O texto establece que os países ricos seguirán ofrecendo apoio financeiro aos países con menos recursos para que poidan adaptarse aos efectos do cambio climático por exemplo, con medidas de protección polo aumento do nivel do mar e para que poidan reducir tamén as súas emisións.

Ademais, no documento inclúese a creación dun organismo internacional dedicado a compensar aos Estados que se verán máis afectados polas consecuencias do cambio climático.

Outro dos instrumentos crave do acordo é a creación de inventarios para poder facer un bo seguimento dos programas nacionais de redución. Perfílanse tres categorías: os desenvolvidos, que deberán dar completa información, os emerxentes, que terán unha menor esixencia, e os máis pobres, que terán o nivel mínimo de obrigacións.

Con este pacto os representantes dos 195 países non só admiten que o problema do cambio climático existe, senón que recoñecen que o aumento da temperatura é responsabilidade do home.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS