Financiado por:
/ Medio ambiente

Acordo de colaboración sobre os riscos sanitarios de orixe medioambiental

12-01-2018 - ONU Medio Ambiente - OMS

A Organización Mundial da Saúde e a ONU Medioambiente veñen de suscribir unha iniciativa de colaboración coa finalidade de desenvolver accións conxuntas para combater a contaminación do aire, o cambio climático e a resistencia aos antimicrobianos, así como a mellorar a coordinación das actividades relativas á xestión de refugallos e produtos químicos, a calidade da auga e temas ligados aos alimentos e a nutrición. Os riscos ambientais que ameazan a saúde das persoas son os causantes, segundo as estimacións, de 12,6 millóns de falecementos ao ano.

Como parte deste labor de colaboración xestionarase conxuntamente a campaña de sensibilización « BreatheLife», que persegue o obxectivo de reducir a contaminación do aire e deparar con iso múltiples beneficios desde o punto de vista do clima, o medio ambiente e a saúde.

Esta iniciativa estabelece un marco máis sistemático para a realización de investigacións conxuntas, elaboración de ferramentas e guías así como para o seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, as alianzas mundiais e rexionais e o apoio a foros rexionais de medio ambiente e saúde. A colaboración entre a OMS e ONU Medio Ambiente entronca coa declaración ministerial sobre saúde, medio ambiente e cambio climático formulada na 22.a Conferencia das Partes (COP 22) na Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), celebrada en 2016 en Marrakech (Marrocos), na cal se preconizaba a creación dunha coalición de ámbito mundial sobre «saúde, medio ambiente e cambio climático».  O mes pasado, a Asemblea das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente, que reúne a ministros de medio ambiente do mundo enteiro, aprobou unha resolución sobre medio ambiente e saúde baixo o título xeral de «Cara a un planeta sen contaminación» e propugnou alianzas máis amplas cos organismos competentes das Nacións Unidas e os seus asociados, así como un plan de aplicación para combater a contaminación.

Este é o acordo oficial máis importante suscrito en máis de 15 anos para traballar conxuntamente en todo o espectro de cuestións ambientais e sanitarias.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS