Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A metade das maiores empresas do mundo obstaculizan os cambios lexislativos a favor do clima

20-10-2015 - CAMBIO CLIMÁTICO

Un estudo realizado por InfluenceMap sobre a influencia que exercen as grandes multinacionais e as asociacións empresariais a nivel internacional na lexislación para frear o cambio climático, reflicte que o 45% das 100 maiores compañías do mundo tratan de obstaculizar as normas en favor do medio ambiente, e o 95% das grandes multinacionais pertencen a asociacións empresariais que actúan co mesmo espírito de impedir ou atrasar as leis ambientais que tratan de deter o cambio climático.

InfluenceMap -nova organización independente sen ánimo de lucro con sede en Reino Unido, sostida polas fundacións Tellus Mater e Joseph Rowntree Charitable Trust, caracterizadas polo seu apoio ao capitalismo sustentable- utilizou un método de investigación desenvolvido pola Union of Concerned Scientists. A análise realizouse sobre 100 multinacionais, entre as que figuran as españolas Iberdrola, Telefónica, e 30 organizacións empresariais.

Para o estudio, a clasificación concede cinco graos, B, C, D, E e F, e dentro de cada un tres niveles. Ademais concede unha puntuación para determinar o grao de compromiso coas políticas de cambio climático. As dez empresas menos obstructivas son Google, Unilever, Cisco, Glaxo, Deutsche Telecom, National Grid,  Vodafone, Nestlé, Apple e Anheuser Busch, estando as seis primeiras no nivel B. Nos peores lugares de Europa atópanse BP, BASF, Lukoil, Rio Tinto, Bayer e Total. Telefónica ocupa o posto 12, en C+ e Iberdrola, o 18, no nivel C, sendo maior o compromiso da eléctrica, cunha puntuación de 42 fronte a 20 da empresa de telecomunicacións. Telefónica é a que mellor puntúa en compromiso dentro das telecomunicacións, mentres que Iberdrola é superada por EDF e EON.

O informe mide a influencia de cada empresa máis aló das actividades de lobby, como son as doazóns, e inclúe o control do discurso público sobre os temas ambientais mediante os recursos que dedica á publicidade en medios de comunicación, relacións públicas, etcétera, ademais da utilización de órganos influentes como as asociacións e grupos de apoio.

Influencemap lembra que aínda que a maioría dos presidentes e conselleiros delegados das grandes empresas sosteñen que dirixen as súas empresas para mellorar todos os estándares ambientais, os políticos móstranse moi escépticos sobre esta pretendida boa vontade e denuncian que a influencia das grandes empresas continúa sendo un factor decisivo para abrandar o proceso lexislativo. Para levar a cabo a puntuación das empresas, o seu grao de influencia e capacidade de obstrución, os autores apóianse en boa medida nas recomendacións realizadas por tres axencias de Nacións Unidas no informe Caring for Climate, no que se reclama ás empresas que sexan transparentes e aliñen a súa influencia internamente e externamente, xa que moitas aseguran soster unha política ambiental que non coincide coa que reclaman asociacións nas que son membros. Caring for Climate pide tamén ás multinacionais que apoien a lexislación sobre o clima, que proximamente debería marcar un fito con motivo do cume de París, e deixen de obstaculizala.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS