Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A contaminación acústica incide na saúde de máis de 100 millóns de europeos

26-04-2017 - Saúde

A OMS considera que o ruído é o segundo maior problema ambiental en Europa, despois da contaminación do aire por partículas.O seu impacto na saúde está cientificamente demostrado: é causa de molestias, tensións, problemas de soño, afeccións ás capacidades cognitivas e mesmo enfermidades cardiovasculares e respiratorias.

Segundo un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente, os ruídos causados polo tráfico rodado causan a morte prematura dunhas 1.000 persoas ao ano no Estado español e provocan uns 4.000 ingresos hospitalarios. 

En toda Europa, máis de 100 millóns de persoas, das que 75 millóns habitan en áreas urbanas,  están expostas a niveis molestos de ruído do tráfico rodado (máis de 55 dB) nos 33 países que participan na Axencia Europea de Medio Ambiente. Despois do tráfico, o ferrocarril é a segunda fonte máis importante de ruídos con 19 millóns de afectados, seguida dos grandes aeroportos, con catro millóns de afectados, e as áreas industriais, con un millón.

No Estado español, 12 millóns de persoas están expostas a padecer niveis de ruído excesivos provocados polo tráfico durante o día (máis de 55 dB) e 9,5 millóns durante a noite (máis de 50 dB).

A lexislación da UE esixe aos Estados membros que elaboren mapas de ruído e preparen plans de acción para previr e reducir a exposición prexudicial. O informe da Axencia Europea recompila algunhas das actuacións que considera necesarias: o control de ruído en orixe, a introdución de calzadas silenciosas ou a mellora do deseño urbano para reducir o volume de tráfico e evitar a construción de vivendas en áreas de ruído elevado.

Recentemente a Comisión Europea, na súa revisión do cumprimento da normativa ambiental da Unión, chamou a atención ao Estado español polo atraso  tanto na elaboración de mapas de ruído como na adopción de plans de acción.

Información sobre contaminación acústica no Estado español na web do Sistema de Información sobre Contaminación Acústica, SICA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS