Co financiamento de:
/ Igualdade

No estado español as mulleres sofren unha das maiores desigualdades laborais de xénero de todo o mundo desenvolto

23-04-2019 - IGUALDADE

O índice que é elaborado dende hai uns anos pola consultora PwC, sitúa ao estado español no posto 28 entre un total de 33 países da OCDE en materia de igualdade laboral de xénero, estando máis discriminadas as mulleres soamente en Italia, Chile, Grecia, México e Corea

Así é, o “Women  in  work  index” que actualiza dende hai 7 anos a consultora  PwC, traballa con cinco variables para marcar a posición que ocupan os países da OCDE na clasificación da igualdade laboral das mulleres en relación aos homes.

 Estas variables son:

a) A diferenza de ingresos, que  pondera un 25%.

b)  A porcentaxe da participación da muller no mundo laboral, que pondera outro 25%,

b)  As diferenzas de xénero na participación no emprego, que pondera un 20%.

c) O nivel de desemprego feminino, que pondera un 20%.

d) A porcentaxe de mulleres que traballan a tempo completo, que pondera un 10%.

O Estado español destaca negativamente situándose no posto 28 da clasificación entre un total de 33 estados, quedando detrás soamente de Italia, Chile, Grecia, México e Corea do Sur,  non conseguindo avanzar un só posto dende o ano anterior. Os datos cos que traballou a consultora corresponden a 2016 e 2017.

A desigualdade salarial por razóns de xénero no Estado español practicamente non se corrixiu nada nos últimos 17 anos, situándose preto do 15%, a pesares de terse aumentado case en 20 puntos o acceso das mulleres ao mundo laboral nese período, superando agora claramente o 70%.

 A variable con peor puntuación no caso de Estado español, só superada por Grecia, é a do desemprego feminino, lixeiramente por baixo dun significativo 20%.

O estudo tamén revela que os cinco mellores países para traballar unha muller, son aqueles nos que menos se discrimina ás mulleres respecto dos homes, isto é:  Islandia, Suecia, Nova Zelandia, Eslovenia e Noruega.

Os autores do estudo, cuxo texto completo achégase ao final desta nova, destacan que o pouco progreso acadado en materia igualdade nestes dous últimos anos estudados, explícase a unha pequena redución media da diferenza salarial e tamén a unha certa caída do desemprego, mais no resto de variables apenas se produciron cambios. As puntuacións a longo prazo poderán mellorar basicamente pola maior participación feminina na forza laboral, que reducirá o diferencial e o nivel de desemprego.

Nesta importantísima materia de igualdade, non só está en xogo o dereito fundamental á igualdade de xénero, senón tamén a necesidade de avanzar polo enorme beneficio económico que en si mesma xera a igualdade. Segundo o informe, se todos os países da OCDE conseguisen igualar o nivel de desemprego feminino de Suecia, as ganancias para o Produto Interior Bruto (PIB) do total dos países analizados, superaría os 6 billóns de dólares, e así mesmo, eliminar as diferenzas salariais por discriminación de xénero incrementaría os ingresos para as mulleres en máis de 2 billóns.

Aínda que China e India non figuran na clasificación deste informe por non ser membros da OCDE, o estudo si realizou en cambio unha prospección que nos indica que China estaría dous postos por enriba do Estado español, mentres que a India ocuparía o último lugar debido a que ten o maior diferencial de salarios (36%), e unha moi baixa participación da muller no mundo laboral (9%). Se a India avanzara ata o 69% de participación laboral da muller que ostenta Suecia, o PIB da India aumentaría un 79%.

Por outra banda, Estados Unidos, a gran potencia económica mundial, sae retratada negativamente no estudo, ao ser o país que dende o ano 2000 retrocedeu máis postos no ranquing de igualdade de xénero, pasando do noveno posto  ao 23.

Ligazón ao informe: “Women  in  work  index 2019”


Fonte: lacelosia.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS