Financiado por:
/ Igualdade

As longas xornadas laborais aumentan o risco de depresión nas mulleres

04-04-2019 - IGUALDADE

O auxe da globalización e da economía está a demandar que as persoas traballen longas xornadas e fins de semana. Un estudo observacional levado a cabo por universidades londinienses atopou que estas condicións laborais contribúen a empeorar a saúde mental en xeral, pero sobre todo a das mulleres.

Segundo os datos que manexan os autores, esta tendencia de traballo que denominan ‘antisocial’ está a expandirse en todo o mundo. “Nos países de Asia oriental aumentou o risco de morte por exceso de traballo. En Reino Unido, a tensión laboral tradúcese en días de traballo perdidos cada ano. E no ámbito da UE, case unha cuarta parte da xente traballa a maioría dos sábados e unha terceira parte, polo menos un domingo ao mes.

Estudos previos atoparan unha relación entre estas fórmulas laborais e a depresión, pero a maioría centráronse en homes e en certos tipos de traballo. A investigación actual, cuxos resultados se publicaron na revista  Journal  of  Epidemiology& Community  Health, ten por obxectivo indagar como afectan este tipo de xornadas tanto a homes como a mulleres.

Para pescudalo, o equipo baseouse en datos dun estudo lonxitudinal chamado  Understanding  Society (UKHLS), que estivo facendo un seguimento da saúde e o benestar dunha mostra representativa de 40.000 fogares en todo Reino Unido dende 2009.

Os investigadores centráronse nos datos de 11.215 homes e 12.188 mulleres da segunda onda do  UKHLS, entre 2010 e 2012, que incluía información sobre o emprego. Tiveron en conta a idade, os ingresos, a saúde e as características do traballo.

As diferenzas por xénero son evidentes: as mulleres que traballan unhas 55 horas semanais teñen un 7,3% máis síntomas de depresión que as que teñen unha semana laboral estándar de 35 a 40 horas. Con todo, entre os homes non houbo diferenzas no número de síntomas depresivos en función das horas semanais traballadas.

O estudo constatou diferenzas de xénero en canto aos patróns laborais. Por exemplo, os homes traballan máis horas en empregos remunerados que as mulleres. Case a metade dos homes, fronte a menos dunha de cada catro mulleres, excede o horario estándar.

Ademais, o estudo subliña que traballar en fin de semana relaciónase cun maior risco de depresión en ambos os sexos, aínda que é maior nas mulleres.

“Este é un estudo observacional, polo que, aínda que non podemos establecer as causas exactas, si sabemos que moitas mulleres enfróntanse a unha dobre carga porque asumen unha maior proporción de tarefas domésticas que os homes, o que conduce a un total de horas extensivo, presións de tempo adicionais e responsabilidades abafadoras”, destaca  Gill  Weston, investigadora do Instituto de  Epidemiología e Atención da Saúde da  University  College  London e autora principal do traballo.

“Se se teñen en conta estas tarefas domésticas non remuneradas e o coidado doutras persoas, as mulleres traballan máis tempo que os homes, en media, o que se relacionou en investigacións anteriores cunha saúde física máis deficiente”, agrega.

Tamén se pon en evidencia que ter fillos afecta á vida laboral de homes e mulleres de diferente maneiras. Os pais con fillos traballan máis horas que os que non os teñen. En cambio, case a metade das nais do estudo traballan a tempo parcial, en comparación con só un de cada sete (15%) homes.

“Tamén atopamos que os traballadores/as con máis síntomas de depresión son a de máis idade, con ingresos máis baixos, fumadores e con actividades fisicamente esixentes –di  Weston–. E isto pódese aplicar tanto a homes como a mulleres”.

“Esperamos que os nosos achados animen aos  empregadores e aos responsables políticos a pensar en como reducir as cargas e aumentar o apoio ás mulleres que traballan moitas horas ou de forma irregular, sen restrinxir a súa capacidade de traballar cando o desexen”.

Na súa opinión, “unhas prácticas de traballo máis xustas poderían beneficiar tanto aos traballadores/as como aos  empregadores de ambos sexos”.

Fonte: elespectador.com

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS