Financiado por:
/ Igualdade

Alemaña bloquea a cota feminina nos consellos de dirección

08-05-2013 - IGUALDADE

As deputadas da Unión Demócrata Cristiá (CDU) na Cámara Baixa (Bundestag) pregáronse ao ditado da chanceler Angela Merkel e rexeitaron a introdución dunha cota feminina na dirección das grandes empresas alemás

A iniciativa legal veu impulsada polo Partido Socialdemócrata (SPD) dende a Cámara Alta (Bundesrat), onde obtivera o apoio de representantes de Saxonia-Anhalt e Sarre, dous lands onde goberna a CDU.

Propoñía o SPD introducir, en 2018, unha cota feminina obrigatoria do 20% nos consellos de supervisión e administración das compañías que cotizan en bolsa. En 2023, esa cota aumentaría ao 40%.

Ata o pasado fin de semana labrouse unha rebelión feminina no seo da CDU de Merkel. Lideradas pola ministra de Traballo Ursula von der Leyen, unhas 25 deputadas partidarias da cota obrigatoria amagaron con apoiar a iniciativa do SPD. Finalmente decidiron pechar filas e votaron con Merkel, a cambio da promesa de formular unha porcentaxe feminina do 30% nos consellos das empresas a partir de 2020. Ata entón, a CDU confía en que as empresas tomen... "medidas voluntarias".

Segundo publica o diario El País, os deputados do Goberno e a Oposición entregáronse a un dos debates máis apaixonados dos últimos meses.

Acusáronse mutuamente de falta de coherencia. A ministra da Muller, Kristina Schröder, saíu a defender como un éxito propio o proxecto democristián da "cota flexible", que deixa en mans das empresas fixar as súas propias metas de integración feminina nos despachos directivos.

Segundo un estudo publicado en marzo pola iniciativa "Mulleres nos Consellos" só son mulleres o 11,1% dos membros de Consellos de Supervisión e Administración das 160 empresas que cotizan nas bosas alemás. O xefe deste grupo de presión, Monika Schulz-Strelow, cualifica a taxa de "pobre".

Hai doce anos que as grandes empresas se comprometeron a aumentar o número de mulleres nos seus órganos directivos.

Dende entón "apenas cambiou nada".

 

Fonte: compromisorse.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS