Financiado por:
/ Gabinete

Un proxecto de RD para a protección dos traballadores/as ante produtos canceríxenos e mutáxenos, convértese nun inxustificado paso atrás que estabelece perigosos precedentes

17-10-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG

Nunha decisión inesperada da Secretaría de Estado para o Emprego, a Acrimilanida, o Bromoetileno e o po respirable de Sílice cristalina, contraditoriamente baixo a escusa da súa cualificación como carcinóxenos, son propostos para incrementar os seus valores límite de exposición profisional VLEP por riba dos límites que ata agora se viñan aplicando para estes produtos no Estado español.

O pasado 8 de outubro deste ano (fai apenas uns días) deuse o visto e prace na Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo presidida pola actual Secretaria de Estado para o Emprego e coa oposición frontal das organizacións sindicais que alí estabamos presentes, ao Proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo.

Un Real Decreto que modificará os anexos I e III do Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo con obxecto de axustar o seu contido ao da Directiva que agora debe traspoñerse: Directiva (UE) 2017/2398 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2017, pola que se modifica a Directiva 2004/37/CE relativa á protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos ou mutáxenos durante o traballo, engadindo novos traballos no anexo I e engadindo novos axentes cos correspondentes valores límite e modificando os actualmente incluídos no anexo III.

En principio a finalidade da norma era aumentar o nivel de protección da saúde e a seguridade dos traballadores/as nos lugares de traballo, dado que a ampliación da listaxe de substancias, mesturas e procedementos, así como a implantación de valores límite para determinados axentes canceríxenos ou mutáxenos debería contribuír a reducir de maneira significativa os riscos derivados destas exposicións.

Os obxectivos concretos asociados a este proxecto de modificación de Real Decreto 665/1997, do 12 de maio concrétanse en:

•Actualizar o seu anexo I, para engadir os traballos que supoñan exposición ao po respirable de sílice cristalina xerado nun proceso de traballo.

•Actualizar o seu anexo III, para incorporar os novos (14) axentes canceríxenos da directiva e os seus correspondentes valores límite de exposición profesional: Po de madeiras duras; compostos de Cromo VI; fibras Cerámicas Refractarias; Po respirable de Sílice cristalina; Benceno; Cloruro de vinilo monómero; Óxido de etileno; 1,2-epoxipropano; Acrilamida; 2-Nitropropano; O-Tolouidina; 1,3-Butadieno; Hidracina e Bromoetileno.

•Garantir que se dedique ao fin previsto o tempo con que contan os traballadores/as expostos para o aseo persoal.

Se nos imos á memoria abreviada elaborada pola propia Administración do Estado en relación ao Impacto Normativo da modificación do Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, nos atopamos con afirmacións (literais) como: que na avaliación de impacto da proposta de Directiva que modifica a Directiva sobre carcinóxenos e mutáxenos identificando novas «substancias xeradas nun proceso laboral» e establecendo ou revisando valores límite de exposición profesional vinculantes, dispoñíase que “as actuais diferenzas entre os Estados membros en canto a límites nacionais de exposición profesional aos carcinóxenos non ofrecen unha base mínima de protección a todos os traballadores/as da UE contra os riscos derivados da exposición profesional. A actual situación tamén crea unha desigualdade de condicións entre as empresas, pois as situadas en Estados membros con niveis menos estritos teñen unha vantaxe competitiva. Os Estados membros por si sos non poden facer fronte a esta situación, polo cal é necesario actuar a escala da UE para alcanzar este obxectivo, en consonancia co artigo 5, apartado 3, do Tratado da Unión Europea”.

Así mesmo a Memoria de Impacto recolle literalmente: “Debe lembrarse tamén que, segundo o considerando 3 da directiva que agora se traspón, “para a maioría dos axentes carcinóxenos e mutáxenos non é cientificamente posible identificar niveis por baixo dos cales a exposición non provoque efectos adversos. Aínda que establecer uns valores límite no lugar de traballo para os axentes carcinóxenos e mutáxenos conforme a presente Directiva non elimina por completo os riscos para a saúde e a seguridade dos traballadores/as derivados da exposición aos devanditos axentes durante o traballo (risco residual), si contribúe a unha redución significativa dos riscos derivados deste tipo de exposición, segundo o enfoque de consecución gradual dos obxectivos da Directiva 2004/37/CE. Para outros axentes carcinóxenos e mutáxenos si é posible cientificamente identificar uns niveis por baixo dos cales non se espera que a exposición provoque efectos adversos.”

Isto é, a Administración do Estado, neste caso a Secretaría de Estado para o Emprego, fai súa a análise que as actuais diferenzas entre os Estados membros en canto a límites estatais de exposición profesional (VLEP) aos carcinóxenos, non ofrecen unha base mínima de protección a todos os traballadores/as da UE contra os riscos derivados da exposición profesional. Isto é, que as actuais regulacións dalgúns Estados da UE ou mesmo a ausencia das mesmas nesta materia, aconsellan o establecemento e adopción para todos duns valores mínimos de exposición profesional dunha serie de produtos e substancias nestes momentos cientificamente demostrados como canceríxenos e que interveñen en multitude de procesos de traballo na contorna da UE.

A través desta nova Directiva preténdese incrementar os niveis de protección ante estas substancias canceríxenas, especialmente dos traballadores/as daqueles Estados que ata este momento non tiñan lexislación respecto diso ou tiñan unha lexislación moi laxa en materia de VLEP destes produtos. VLEP mínimos, que non son os mais idóneos ou os máis aconsellables, co gallo de facilitar e garantir que algúns dos Estados afectados máis atrasados nesta materia poidan realizar os esforzos de adaptación e o investimento necesario das súas empresas para o efectivo cumprimento dos VLEP de carácter MÍNIMO para estes produtos canceríxenos.

Pois ben, en base a estas dúas liñas argumentais e apoiándose no feito de que o recoñecemento formal e legal destas 14 substancias, mesturas ou produtos como canceríxenas melloran significativamente a relación de medidas preventivas de carácter obrigatorio que as empresas deberán adoptar, a Administración do Estado, neste caso representada e capitaneada pola Secretaría de Estado para o Emprego, procedeu a promover -atendendo a unhas alegacións das organizacións empresariais- para a súa proposta de aprobación un proxecto de modificación do Real Decreto 665/1997, do 12 de maio que neste caso, incrible e absurdamente, incrementa (non reduce) os valores límite de exposición profesional que ata este momento estaban a aplicarse para algunhas destas substancias no Estado español. Dito doutra maneira, en relación á Acrimilanida, o Bromoetileno e o po respirable de Sílice cristalina, os niveis de exposición aos que se poderán ver expostos os traballadores/as españois veranse incrementados substancial e significativamente; no caso da sílice cristalina pasaría do actual VLEP de fracción respirábel de 0,05 mg/m3 a un VLEP de 0,1mg/m3. Ao noso xuízo un erro absolutamente inxustificable. Máxime se temos en conta que o recoñecemento oficial e científico destas substancias como canceríxenas, a maiores da aplicación dos protocolos preventivos oportunos antes, durante e posteriormente ás exposicións, debería conlevar en aplicación do “principio de precaución” como mínimo o mantemento dos VLEP que xa se estaban aplicando hai anos na lexislación española.

Dar un paso atrás destas características como consecuencia das presións exercidas polas organizacións patronais españolas en base a un suposto impacto económico que lles restaría competitividade fronte a outras empresas de Estados europeos con maiores VLEP sobre estes produtos, resulta cando menos torticeiro e interesado, tendo en conta que a eses tres produtos canceríxenos xa se lles estaba a aplicar na lexislación española (“Límites de Exposición Profisional para Axentes Químicos en España” do INSST) uns valores menores que os que agora vai permitir a lexislación e que polo tanto, as empresas xa deberían estar absolutamente adaptadas a estas alturas sen ningún tipo de problema a esas esixencias de exposición. Dito doutra maneira, é absolutamente falso que o mantemento dos VLEP vixentes ata o de agora para eses tres produtos supuxese para as empresas ningún tipo de impacto económico.

Doutra banda a ninguén se lle escapa por ser universalmente coñecido, e á Administración do Estado evidentemente por suposto tampouco, que a exposición a substancias canceríxenas (sexa cal sexa a súa intensidade) sempre teñen un alto risco para a saúde dos traballadores/as, non existindo certezas dos seus limiares de total seguridade en relación aos niveis de exposición. Razón esta pola cal aínda enténdese menos a decisión da Secretaría de Estado para o Emprego de ceder ante as pretensións dos empresarios na procura dun maior beneficio económico.

Parece necesario lembrar á Secretaría de Estado para o Emprego que os Estados membros teñen completa liberdade para adoptar normas máis estritas para a protección dos seus traballadores/as no momento de traspoñer as directivas comunitarias ao dereito de cada Estado, debido a que o que estas Directivas pretenden é establecer as especificacións e requisitos mínimos de protección para protexer a saúde e seguridade do conxunto dos traballadores  europeos, tendo en conta os baixos niveis de protección cos que aínda contan en materia de risco químico nalgúns países, especialmente do leste europeo.

Resulta logo absolutamente inaudito e completamente inxustificable en termos preventivos nun estado democrático e de dereito que, un goberno en funcións (PSOE) supostamente progresista e con sensibilidade social, se someta ás presións exercidas polas organizacións empresariais, rebaixando sen ningún tipo de xustificación a protección preventiva de ducias de milleiros de traballadores/as expostos a estas substancias canceríxenas, elevando os parámetros dos valores límite de exposición profesional, moi por enriba dos que hai xa varios anos estaban estabelecidas, máxime cando ademais estamos a falar de produtos canceríxenos dun gran perigo e sobre os que só a súa completa supresión nos procesos produtivos garantiría a total seguridade e a saúde dos traballadores/as en contacto cos mesmos.

É evidente que a Administración e nomeadamente a Secretaría de Estado para o Emprego, non tivo en conta que os valores límite de exposición profesional forman unha parte fundamental e esencial das medidas de xestión do risco contidas na propia Directiva 2004/37/CE, relativa á protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos ou mutáxenos durante o traballo.

Constitúe un procedemento básico e fundamental que estes valores límite sexan revisados periodicamente de conformidade cos principios comunmente asumidos no marco da UE: *principio de precaución e principio de protección dos traballadores/as. Parece que estes principios nesta ocasión e por razóns que non quixeramos comprender, non foron tidos en conta pola Administración do Estado, cando os mesmos constitúen principios esenciais e de obrigado cumprimento para a protección da seguridade e a saúde dos traballadores/as.

*O principio de precaución menciónase no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea. O mesmo pretende garantir un elevado nivel de protección das persoas e do medio ambiente mediante tomas de decisión preventivas en caso de risco, estendéndose evidentemente ás políticas e medidas de protección da saúde laboral dos traballadores/as.

Para a Comisión Europea o recurso ao principio de precaución debe ser invocado cando un fenómeno, un produto ou un proceso pode ter efectos potencialmente perigosos identificados por unha avaliación científica e obxectiva, se dita avaliación non permite determinar o risco con suficiente certeza.

O recurso ao principio inscríbese, por tanto, no marco xeral da análise de risco (que inclúe, á marxe da avaliación do risco, a xestión do risco e a comunicación do risco) e, máis concretamente, no marco da xestión do risco que corresponde á fase de toma de decisións.

A Comisión subliña que o principio de precaución só se pode invocar na hipótese dun risco potencial, e que en ningún caso pode xustificar unha toma de decisión arbitraria.

Por tanto, o recurso ao principio de precaución só está xustificado se cumpre as tres condiciones seguintes:

Circunstancias estas que de xeito evidente verifícanse na problemática que nesta denuncia estamos a tratar.

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS