Co financiamento de:
/ Gabinete

De acordo coas patronais empresariais o PSOE da un paso atrás fronte a silicose e a defensa da saúde dos traballadores

29-10-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG

O Goberno do PSOE en funcións a proposta da Secretaría de Estado para o Emprego, que preside a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), pretende incrementar os límites de exposición profesional no traballo a tres axentes canceríxenos, entre outros ao de sílice cristalina respirable, presente en multitude de procesos produtivos no noso País. As partículas deste material son as causantes do aumento de traballadores enfermos e falecidos por silicose, enfermidade na que nos últimos anos Galiza é líder a nivel do Estado, converténdose na nosa terra na principal enfermidade profesional. Coma sempre o Estado español velando polo benestar e a saúde dos traballadores galegos.

A pesares da evidencia científica de que unha maior exposición ao po de sílice de cuarzo (ou sílice cristalina) provoca silicose e aumenta a prevalencia do cancro de pulmón, o último borrador do Real Decreto que modificará o Real Decreto 665/1997 duplica os valores máximos de exposición, en contra do criterio do propio Instituto Nacional da Seguridade e Saúde no Traballo, o órgano científico técnico da Administración para a prevención de riscos laborais. A proposta da Secretaría de Estado para o Emprego tamén duplica os límites de exposición ao bromoetileno e triplica o da acrilamida.

O incremento deste límite supón na practica un significativo e inxustificado cambio de criterio na tramitación do borrador de Real Decreto, xa que o borrador anterior mantiña o límite actual, fixado dende o ano 2015 nun Valor Límite de Exposición Profisional (VLEP) de 0,05 mg/ m3/xornada de traballo, seguindo o criterio técnico estabelecido no seu momento polo INSST. Pola contra, o novo borrador, prevé duplicar a concentración máxima de po de sílice cristalina á que pode expoñerse un traballador, subindo este valor ata os 0,1 mg/m3/xornada laboral.

Esta sen dúbida é unha decisión “política” propia do peor e máis ruín neoliberalismo, que non ten en conta o contrastado e rigoroso traballo técnico realizado polo INSST nesta materia. Ante esta delirante, inxustificada e perigosa decisión a Confederación Europea de Sindicatos (ETUC) procedeu a dar a voz de alarma, difundindo este pasado día 22 de outubro un contundente comunicado a través do cal solicita ao Goberno español en funcións do PSOE "que non sacrifique a saúde dos traballadores".

Aínda que distintas fontes do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social afirman que "non existe unha redacción definitiva" do Real Decreto e que "o asunto aínda non se trasladou ao Consello de Estado", resulta evidente que é urxente e necesario proceder á revisión destes valores antes da aprobación definitiva do Real Decreto en elaboración no Consello de Ministros. Non valen nin son admisíbeis os argumentos proporcionados polas patronais empresariais alegando que a imposición nesta materia de normas máis restritivas no Estado español irían en detrimento da capacidade competitiva das empresas españolas. Unha vez máis o poder político someténdose ao poder empresarial a costa neste caso de aumentar substancialmente o risco de que os traballadores sufran silicose e cancro de pulmón.

O cambio de criterio adoptado pola Secretaría de Estado para o Emprego tras as alegacións presentadas polas patronais españolas, escúdase tamén entre outros argumentos en que a Directiva Europea 2017/2398 obxecto de trasposición, fixa o valor máximo en 0,1mg/m3/xornada laboral, esquecéndose intencionadamente que a presente Directiva permite aos Estados reducir ou manter os VLEP que xa eran inferiores, como é o caso do Estado español. Tal é así, que o informe achegado polo INSST no proceso de tramitación da norma estatal explica que as empresas españolas "xa deben de aplicar medidas de control para reducir os niveis de exposición a valores por baixo de 0,05 mg/m3", polo que recomendaba manter este tope.

Así mesmo o documento do INSST alertaba de que existe un maior risco de padecer cancro de pulmón "ao aumentar a exposición e a duración da exposición" ao sílice de cuarzo. O organismo sinalaba que a prevalencia do cancro vincúlase á silicose e aumenta canto máis grave é esta enfermidade. Téñase en conta que a OMS estabelece en 0,04 o valor limiar suxerido para evitar a silicose, polo que os técnicos pedían que cando menos se mantivese o límite do 0,05.

A pesares de todo isto, o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social a través da Secretaría de Estado para o Emprego decidiu ceder ás presións empresariais e ignorar este criterio, aceptando as alegacións presentadas polas mutuas e as organizacións patronais, integradas por un total de 42 empresas, a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME) e a Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT).

Dende a Confederación Intersindical Galega reclamamos que o PSOE rectifique a proposta empresarial instrumentalizada por unha Secretaria de Estado para o Emprego que a primeira de cambio amosa ás claras a súa falta de criterio e a súa febleza fronte ás presións empresariais, demostrando abertamente non estar nin profesional, nin eticamente preparada para sobrelevar coa dignidade e integridade necesarias tan importantes responsabilidades, nas que se inclúen a defensa da seguridade e a saúde dos traballadores, fronte aos que so pretenden enriquecerse aínda que sexa a costa da vida das persoas.

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG)

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS