Co financiamento de:
/ Gabinete

A Galiza líder no Estado en sinistralidade laboral grave e mortal, baixo o Goberno do PP de Feijoo

28-04-2022 - Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

O día 28 de abril a clase traballadora celebramos o día mundial da seguridade e a saúde no traballo, como unha data significada de reivindicación e loita pola mellora das condicións de traballo e o dereito a poder facelo nun marco de auténtica e verdadeira seguridade laboral. Neste contexto de celebración, dende a CIG temos que reivindicar que para o conxunto da clase traballadora galega todos os días do ano -e non só hoxe-, son días de acción e de loita polo dereito a desenvolver a nosa actividade laboral nun lugar de traballo en condicións saudables e de seguridade

Hoxe por hoxe non entender que promover unhas axeitadas condicións de traballo en termos de saúde e seguridade constitúe un dos cernes irrenunciables da acción sindical, sería desprezar o valor da saúde e da vida de todos e cada un dos traballadores/as.

A actual situación de deficiencia preventiva estrutural que nos está a tocar padecer en moitas das empresas galegas, poderiámola cualificar sen temor a errarmos como un verdadeiro desastre de considerables proporcións que afecta gravemente á saúde e a seguridade laboral do conxunto da clase traballadora galega.

Nos últimos tempos o noso País está a sufrir as consecuencias da inoperancia e falta de vontade política do Goberno do Partido Popular na Galiza en materia de Prevención de Riscos Laborais, o que explica que nestes anos esteamos sempre nos postos máis altos do ranquing de accidentes graves e mortais de todo o Estado español, atesourando uns índices de incidencia que incluso duplican a media estatal neste tipo de accidentes; circunstancia esta que na práctica supón que cando un traballador/a galego/a acude ao seu traballo, este/a ten case que o dobre de posibilidades de sufrir un accidente grave ou mortal que un traballador/a do resto do Estado español.

Ante a cronificación desta problemática completamente inasumible para a clase traballadora do noso País, os actuais e pasados gobernos do PP na Galiza non fixeron outra cousa que mirar cara outro lado, mantendo unha política preventiva pública de baixo perfil e extraordinariamente deficiente en termos de recursos económicos e de posta en disposición de persoal técnico suficiente para levar a cabo as iniciativas e medidas necesarias co gallo de reverter esta inaceptable situación.

Situación esta tan esperpéntica e inxustificable que segundo os últimos datos estatísticos dispoñibles do Ministerio de Traballo, referidos aos meses de xaneiro e febreiro do presente ano 2022, Galiza unha vez máis volta a liderar de xeito moi destacado a sinistralidade laboral con resultado de morte (29) de entre todas as CCAA), supoñendo as persoas traballadoras falecidas na nosa terra por accidente laboral o 21% do total de mortes por accidente laboral de todo o Estado español neste período.

Chama extraordinariamente a atención que cos datos pechados do ano 2021, na Galiza as mortes laborais por infartos, derrames e outros accidentes cardiovasculares se teñan incrementado nun estratosférico 78% en relación ao ano 2020 (mais da metade dos accidentes mortais), incrementándose a sinistralidade laboral total nun significativo 18,30% trala volta á “normalidade”. Sinistralidade esta do 2021, onde por certo a incidencia da accidentabilidade nos traballadores/as temporais duplica á dos traballadores/as indefinidos.

Reverter a situación da Prevención dos Riscos Laborais no noso País e protexer con maior eficiencia a saúde e a seguridade laboral dos traballadores/as galegos/as cando menos e de maneira urxente pasa por:


-Acadar un marco galego de relacións laborais que nos permita incidir como País e como sociedade dun xeito máis eficaz e significativo nunha redución drástica da sinistrabilidade laboral do noso tecido produtivo, favorecendo a participación neste proceso do conxunto da clase traballadora galega, habilitando a posibilidade de abordar as particularidades e especificidades da nosa realidade preventiva dun xeito moito máis eficiente e resolutivo.

-Desenvolver dunha vez por todas un verdadeiro marco galego de políticas públicas de seguridade e saúde laboral no noso País, dotado dos recursos económicos, técnicos e humanos suficientes co obxectivo de acadar unha auténtica integración da prevención en todas e cada unha das empresas radicadas no noso territorio.

-Acadar unha maior e máis eficiente coordinación do Servizo Galego de Saúde e os dispositivos públicos de prevención co obxectivo de mellorar a detección e recoñecemento de enfermidades profesionais, mellorar a información entre a accidentabilidade e as súas causas, obter unha maior precisión na cualificación da gravidade dos accidentes e en última instancia contribuír significativamente a identificar, prever e tratar coa antelación necesaria e suficiente os factores de risco laboral vinculados aos accidentes non traumáticos, especialmente no que atinxe ás patoloxías relacionadas co sistema cardiovascular.

-Derrogación inmediata da actual lexislación impostas polo PP (Lei 35/2014, de 26 de decembro), que outorga atribucións e competencias delegadas ás Mutuas (entidades privadas) en materia de control da xestión pública da incapacidade temporal (IT), favorecendo inxustamente os intereses económicos das empresas fronte ao dereito á saúde e os intereses económicos da clase traballadora, fundamentalmente: redución forzada dos períodos de IT; altas médicas prematuras e indebidas; non recoñecemento sistemático de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

-Acadar a transferencia de recursos e competencias en materia de Inspección de Traballo. En tanto en canto esta transferencia nos se produza é necesario por unha banda incrementar significativamente o número de Inspectores/as de traballo e o número de actuación de inspección no noso País; e por outra reforzar esta liña de actuación incrementando o número, a autonomía e as competencias de inspección dos Técnicos/as Habilitados/as dependentes do ISSGA co gallo de incrementar as súas capacidades de actuación e blindar no posible a independencia das súas actuacións fronte a calquera tipo de presión ou interferencia.

-Reactivar e potenciar o protocolo marco de actuación estabelecido coa fiscalía galega especializada en materia de prevención de riscos laborais, co gallo de evitar presións e interferencias políticas, favorecendo unha investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores/as, á vez que se procede a un incremento significativo de execución das sentenzas condenatorias.

-Elaboración dun Plan Galego de Seguridade e Acción Preventiva que aborde con carácter prioritario e preferente a posta en marcha de actuacións específicas destinadas a controlar e minimizar os accidentes de traballo graves e mortais, identificando e tendo en conta especialmente as actividades laborais, os sectores produtivos de referencia e o tipo de riscos que os producen.

-Elaboración dunha auténtica e xenuína Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2022-2027, que conte coa participación do axentes sociais e estea orientada a dar solución ás problemáticas específicas que afectan á seguridade e a saúde laboral nas nosas empresas, tendo en conta as características e peculiaridades do noso sistema produtivo, e por suposto, que conte dunha vez por todas co orzamento necesario e suficiente para garantir a súa aplicación e implementación.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS